quinta-feira, 7 de outubro de 2010

Plaf!

Un pequeno momento pode cambiar toda a túa vida, o máis importante, todos os teus razoamentos. Nunha milésima de segundo sucede algo inesperado, o alicerce desa sólida construción forxada co tempo comeza a cambalearse, e plaf!, como dicía Terminator: «ata logo, rapariga!».


Calquera día, inconscientemente, algo nas entrañas da por remexer, e sen saber por que si nin por que non, todo cobra algo máis de sentido. Ou algo menos. Tanto dá, no momento menos pensado rematou o tempo. O lapis esgotou a mina, e a redacción quedou a medio acabar. Porque desgraciadamente, isto non ocorre cando ti queres, senón cando unha serie de acontecementos que probabelmente nin coñezas, nin tan sequera imaxines, se confabulan só para facer que a terra continúe o seu inesgotabel ritmo. E se fose hoxe, botarías en falta ter feito, experimentado, gozado, escoitado, sentido, visto, saboreado, reflexionado, en fin, vivido, demasiadas cousas?

O senso da existencia atópase no día a día. Porque isto é como unha desas materias de avaliación continua, con data límite. Pero, ao contrario do que moitos cren, sen exame final.

Um comentário:

  1. =o
    Unha sacudida tremenda acaba de deixarme coa boca aberta, pampo... Esa sacudida foi o teu texto.

    Hai cousas das que dar un xuízo é unha falta de respecto ante elas e ante o que expresan e denotan trivialización. Este é un caso. Por iso non son quen de avalialo: está máis alá do ben e do mal.

    ResponderExcluir