Ollando pola fiestra ves branco e gris, puntos difusos e grandes vehículos. Miras ó infinito, e lle buscas unha fin nas nubes de cores que abren a reixa dos teus soños, ata chegar a imaxinar, a xurarte a ti mesma, que esas nubes son montañas, coma as que nunca deixaches de ver nos teus escasos vinte anos de vida, e que esas ondulacións que se forman nelas non son máis que as polas dos carballos e castiñeiros que, seguro, están a poucos quilómetros. E así foxen rindo uns cinco minutos da túa vida mentres conseguen a súa encomenda, facer que te decates de que te atopas a anos luz de arrincar do teu interior o que mamaches dende pequena, o escenario dos teus mellores recordos, que xa se converteu en máis da metade da túa esencia.
Se hai 4 meses che dixesen que en realidade o que fixeches foi trasladar canda ti a decoración e ate os trastes das bambolinas do teatro que sempre albergou a túa actuación, faríaste a sorprendida, mais, agora que ninguén nos escoita, deixame que che diga que sei que non te tería sorprendido nada.
Inda que cada elemento da función se atopa perfectamente ordeado na túa cabeza, segue a haber algo que non funciona. E ti sabes tan ben coma min, o que é. É que a túa non é a historia dunha protagonista, senon de moitas persoaxes principais, sen as que a función queda coma unha mesa sen patas, un libro sen follas ou un café sen azucre, incompleto,e, remitíndome ao exemplo do café, amargo tamén. Pero sexamos francos, quen comería doce toda a vida tendo a posibilidade de gozar doutros moitos sabores? Mira que toda a vida é moito tempo...
Volverías facelo, abofé que si!
Nenhum comentário:
Postar um comentário