segunda-feira, 24 de janeiro de 2011

Perdín...

a fe relixiosa máis ou menos aos dezasete anos, despois de 132 meses estudando nun colexio de curas. Case ao mesmo tempo, perdín a fe nos políticos, e un pouco máis tarde na política tal e como é entendida neste noso "Estado de benestar". A fe na música moderna a perdín cando me dixeron era posibel compoñer un tema cun ordenador portatil e uns cantos alaridos. Pouco a pouco o camiño asasina as esperanzas postas nalgunas das paixóns da miña vida. Inda tiña fe na xuventude, e en que nós seremos quen de cambiar o mundo, de reformulalo, de construír unha sociedade máis xusta e pacífica. Onte perdín parte desta esperanza, quedei horrorizada, cando a caixa tonta me mostrou que se lle preguntamos a mozas e mozos da miña xeración quen é Dolores Ibárruri, unha boa porcentaxe deles responde que este nome tan impronunciable é o nome de pía dun deses enxendros televisivos chamado La Veneno. Por unha vez espero que esa caixa que todos temos no salón faga honra ao seu apelido e a resposta que deron eses rapaces sexa só producto do marketing, o engano, o populismo, o querer vender, o querer crear polémica, facer gracia, facer vomitar... Que sexa producto de calquera cousa, pero que non sexa froito da realidade.

Um comentário:

  1. Buf... Cagonossantostodosdoceo... E que queres que che diga? Que empatizo contigo mediante este perfecto texto... e que a ver se é certo que a idiotez universal non é froito da realidade...

    ResponderExcluir